O convento de Santa Clara, seis meses despois de pasar a ser patrimonio público, segue a xerar grandes sorpresas. A última, polo de agora, vén da man das tarefas de limpeza que se están a facer para abordar, a partir de xuño, os sondeos arqueolóxicos para ampliar o Museo.

Os traballos de retirada de entullos, lixo e refugallos están deixando á vista o estado actual dos baixos que as súas ocupantes empregaban como almacéns. Son os baixos dos dous edificios situados ao pé da igrexa, pero non sempre tiveron ese uso.

E é que esta actuación está a servir para descubrir a pegada da historia do convento e revelar parte da distribución orixinal coa que se construíu o histórico cenobio.

Así, parece claro que a cociña orixinaria atopábase nesta zona xa que alí está a lareira que recuperou a súa forma orixinaria logo de retirar a gran cantidade de lixo que acumulaba.

Nesta zona tamén estaría o refectorio, o comedor da comunidade relixiosa, hai uns 200 anos.

Precisamente neste lugar, os últimos achados amosan que foi transformado en corte xa que se atoparon pías para alimentar a animais, aparentemente, crías.

Coa retirada da gran cantidade de residuos orgánicos desta nave, a maior parte vides das podas, tamén se atoparon policromías nas paredes que terán que ser estudadas e datadas.

A limpeza de Santa Clara comezou cunha primeira selección de elementos claramente a conservar que van dende enreixados que estaban almacenados, alacenas, portas ou ducias de cacharros empregados na vida cotiá das monxas, entre outros moitos achados.

A continuación, unha empresa de limpeza está a retirar nestes días, con sumo coidado, ducias de elementos de refugallo, dende vides das podas das viñas, a leña ou tellas en moi mal estado de conservación.

Os técnicos provinciais son os encargados de dirixir esta limpeza indicando que elementos son susceptibles de retirar e cales se conservan atendendo ao seu diverso valor.

Está previsto que a retirada do lixo destes dous baixos remate nesta mesma semana.